Ir ao contido principal

Condicións de uso

Aviso legal das condicións de uso, privacidade e protección de datos de carácter persoal do portal de Participación

1. Ámbito de aplicación das condicións de uso

A participación (entendéndoa como participación activa máis alá da lectura do contido presente) no portal de UDC Participa da Universidade da Coruña regúlase polas presentes condicións de uso que vinculan a todas as persoas que participen neste sitio web. Por elo, calquera persoa que desexe participar deberá rexistrarse, solicitándolle a aceptación destas condicións de uso.

A Universidade da Coruña resérvase a facultade de modificar as presentes condicións de uso para a participación no portal UDC Participa da Universidade da Coruña, estando publicada a última versión neste sitio web.

2. Obxectivo da iniciativa

A través do portal UDC Participa a Universidade da Coruña quere fomentar a participación de toda a comunidade universitaria no goberno da universidade, implicándoa na xeración de ideas e propostas novas e viables, co obxecto de mellorar a institución e todos os aspectos relacionados coa vida universitaria.

É unha aposta decidida pola cogobernanza, que achegue o goberno da UDC a todos os colectivos universitarios. Para elo, abriranse canles directos de comunicación co goberno univeristario a través dos debates e, cando a plataforma se consolide como ferramenta participativa, permitirá recibir propostas, contribuíndo a tomar decisións máis acertadas para o interese xeral.

3. Cuestións xerais sobre a participación no portal UDC Participa da Universidade da Coruña

Poderá participar calquera persoa a partir dos 16 anos que se rexistre previamente no portal UDC Participa.

Mediante a aceptación destas condicións de uso declárase ter 16 anos ou máis. As persoas maiores de idade a cargo das menores son as plenos responsables da actuación que teñan estas no portal UDC Participa.

Non existe limitación en canto ao número de debates, comentarios ou propostas a presentar polas participantes.

Ao introducir o título da proposta ou do debate, recoméndase escribir unha descrición breve e precisa cun máximo de 1000 caracteres. Para completar a argumentación poderán asociarse documentos adxuntos ou das redes sociais Vimeo, Youtube, Slideshare, Flickr ou SoundCloud.

4. Obrigas das persoas usuarias do portal UDC Participa

Ao ser o portal UDC Participa un punto de encontro co obxectivo de debater, compartir e valorar propostas relacionadas coa mellora da universidade, as persoas usuarias están obrigadas a facer un uso dilixente e acorde a dito obxectivo.

A Universidade da Coruña non é responsable do uso incorrecto do portal UDC Participa polas usuarias ou dos contidos localizados no mesmo, sendo cada usuaria responsable do seu uso correcto e da legalidade dos contidos e opinións que comparta.

A Universidade da Coruña resérvase, polo tanto, o dereito a limitar o acceso ao portal UDC Participa da Universidade da Coruña de opinións, informacións, comentarios ou documentos que as usuarias queiran incorporar, pudendo instalar filtros a tal efecto. Todo isto realizarase unicamente mentres teña o fin de preservar o obxectivo fundamental do portal UDC Participa.

De acordo coa normativa vixente queda prohibida a utilización do portal UDC Participa da Universidade da Coruña con fins distintos aos de debater, compartir, propoñer e valorar propostas, e especificamente queda prohibido:

  • compartir calquera contido que poda ser considerado como unha vulneración en calquera forma dos dereitos fundamentais ao honor, imaxe e intimidade persoal e familiar de terceiras persoas ou contra a dignidade das persoas;
  • compartir imaxes ou fotografías que recollan imaxes ou datos persoais de terceiras persoas sen ter o oportuno consentimento dos seus titulares;
  • compartir calquera contido que vulnere o secreto nas comunicacións, a infracción de dereitos de propiedade industrial e intelectual ou das normas reguladoras da protección de datos de carácter persoal;
  • reproducir, distribuír, compartir contidos, informacións ou imaxes que fosen postas a disposición polas usuarias sen a autorización expresa destes;
  • a utilización da plataforma con fins de publicidade.

A realización de calquera dos anteriores comportamentos permitirá á Universidade da Coruña suspender temporalmente a actividade dunha participante, inhabilitar a súa conta ou borrar o seu contido, sen prexuízo de outras responsabilidades que puidesen ser reclamadas.

No caso de que o contido introducido polas usuarios incorpore un enlace a outro sitio web, a Universidade da Coruña non será responsable polos danos ou prexuízos derivados do acceso ao enlace ou aos seus contidos.

No caso de litixio de calquera clase ou por calquera motivo entre as participantes no sitio web e/ou unha terceira persoa, a Universidade da Coruña quedará exenta de calquera responsabilidade por reclamacións, demandas ou danos de calquera natureza relacionados ou derivados do litixio.

5. Uso do portal UDC Participa

As persoas participantes poderán acceder e navegar polo portal UDC Participa libremente e de forma anónima. Só cando queiran realizar algunha acción que implique a creación, apoio ou comentario dunha proposta, ou a participación nun debate, solicitaráselles que introduzan as súas credenciais, para o cal será necesario estar rexistrada. O rexistro que permitirá participar comentando en calquera das seccións ou creando debates ou propostas realizarase introducindo un nome de usuario e un correo electrónico e aceptando as condicións de uso do portal UDC Participa, ou ben usando o nome de usuario e contrasinal da UDC. 

Para participar apoiando propostas, a persoa usuaria deberá estar rexistrada co seu nome de usuaria e contrasinal da UDC. A usuaria poderá interactuar coa ferramenta intervindo, polo menos, dos seguintes xeitos:

a) Debates

No apartado de debates a persoa usuaria poderá participar:

  • Creando un debate. Cada usuaria poderá abrir un ou máis debates. Os debates serán publicados automaticamente.
  • Votando de maneira positiva ou negativa aos debates creados por unha usuaria. Os debates aparecerán cos votos positivos e negativos recibidos. Cada usuaria poderá exclusivamente votar ou ben positiva ou ben negativamente, e unha vez a cada debate.
  • Comentando os debates do resto de usuarias. Cada debate poderá ser comentado polo resto de usuarias.

b) Propostas

O apartado de propostas porase en funcionamento cando a plataforma estea consolidada entre a comunidade universitaria.

No apartado de propostas calquera usuaria rexistrado como usuaria da Universidade da Coruña poderá participar:

  • Creando unha proposta. Cada usuaria poderá dar de alta unha ou máis propostas. As propostas serán publicadas automaticamente.
  • Apoiando as propostas creadas polas usuarias. As propostas aparecerán co número de apoios recibidos. Cada usuaria poderá exclusivamente apoiar unha vez a cada proposta. Cando unha proposta alcance unha cantidade de votos elevada pasará a ser estudada por un grupo de traballo da Universidade, que valorará a súa viabilidade e poderá pasar á seguinte fase, na que se votará.
  • Comentando as propostas do resto de usuarias. Cada proposta poderá ser comentada polo resto de usuarias da Universidade da Coruña, podendo argumentar as razóns do apoio ou suxerir melloras.

6. Condicións para o tratamento dos contidos proporcionados polas persoas usuarias

As presentes condicións regulan os termos aplicables ao contido remitido polas usuarias desta plataforma a través do formulario correspondente (en adiante, o contido). Estas condicións aplícanse tanto ao contido inicialmente remitido ao portal UDC Participa como a calquera contido que se envíe con posterioridade ou se manifeste á Universidade da Coruña, debendo significarse o seguinte:

- Non confidencialidade: todo o contido remitido pola usuaria á Universidade da Coruña deberá ser susceptible de ser coñecido polo público en xeral. Polo tanto, a Universidade da Coruña tratará o citado contido como información non confidencial.

- Procedemento: No caso de que a Universidade da Coruña estea interesada no contido remitido pola usuaria, porase en contacto con ela para solicitarlle información adicional. Dita información terá así mesmo carácter de non confidencial, sen prexuízo de que no caso de que as partes consideren a necesidade de intercambiarse información de carácter confidencial se firme o correspondente acordo de confidencialidade. A Universidade da Coruña resérvase o dereito de non contactar coas usuarias que lle remitan o contido. No suposto que a Universidade da Coruña, á súa enteira discreción, decidise contactar con determinados usuarias, estas coñecen e aceptan que por elo a Universidade da Coruña non adquire compromiso algún.

- Publicidade ou difusión dos contidos presentados: As participantes no portal UDC Participa da Universidade da Coruña declaran coñecer e aceptar o feito de que a información aportada poderá ser publicada na web www.udc.gal, así como a través de outros medios que a organización considere oportunos para dar a coñecer esta iniciativa.

- Non devolución material: A Universidade da Coruña carece de obriga algunha de devolver o contido remitido polas persoas usuarias.

- Procedemento de aviso e retirada: A Universidade da Coruña resérvase o dereito de eliminar ou retirar contidos engadidos polas persoas participantes que incumpran as condicións de uso. Así mesmo, calquera persoa con motivos razoados, se existe incumprimento das presentes condicións de uso, poderá solicitar a retirada de contidos á Universidade da Coruña. A Universidade da Coruña resérvase o dereito de facer as comprobacións ou verificacións oportunas con carácter previo á retirada de calquera contido.

7. Protección de datos persoais

En virtude do artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e do artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPD), os datos persoais recollidos pola Universidade da Coruña serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade, sendo os seus datos de contacto Rúa Mestranza 9, 15001 da Coruña, teléfono 981167000, correo electrónico secretaria.xeral@udc.gal.

Os datos entregados á Universidade pola persoa interesada serán tratados coa finalidade de xestionar e controlar a participación nos procesos participativos da plataforma UDC Participa, e para o reconto meramente numérico e estatístico dos resultados derivados dos procesos de participación universitaria. Os datos persoais serán facilitados polas persoas usuarias tras o rexistro na plataforma; a base de lexitimación do tratamento dos datos persoais é, por tanto, o consentimento das persoas usuarias (artigo 6.1.a) RXPD). Todas as persoas que entren en contacto con estes datos coa citada finalidade cumprirán o deber de confidencialidade establecido no artigo 5 da LOPD.

Os datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumplir coa citada finalidade, e serán conservados atendendo aos prazos e criterios establecidos para cada caso concreto de acordo coa lexislación vixente. Os datos non serán transmitidos a terceiras persoas a menos que exista consentimento previo da persoa interesada ou base legal para esa transmisión.

En calquera caso, a persoa interesada terá dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do tratamento. Tamén terá dereito a opoñerse ao citado tratamento, así como a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poder público, a portabilidade dos seus datos. Así mesmo, terá dereito a non ser obxecto de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfiles.

Tales dereitos poderanse exercer dalgunha das seguintes formas:

- a través do formulario para o exercicio dos dereitos en materia de protección de datos persoais, que se pode cumprimentar na Sede electrónica da UDC no apartado "Outros trámites";

- mediante solicitude dirixida por correo electrónico á Secretaría Xeral, responsable de tratamento dos datos (secretaria.xeral@udc.gal) ou á persoa delegada de Protección de Datos (rpd@udc.es); tamén poderá presentarse a solicitude a través do rexistro telemático da Sede, nos rexistros presenciais da Universidade da Coruña ou por correo (Reitoría da Universidade da Coruña, Rúa Mestranza 9, 15001, A Coruña).

Así mesmo, as persoas interesadas terán dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

8. Normativa aplicable

As normas do ordenamento xurídico español rexen de maneira exclusiva estas condicións de uso. Calquera disputa, controversia ou reclamación derivada destas condicións de uso, ou o incumprimento, rescisión ou invalidación destas, resolverase exclusivamente ante os xulgados competentes.

9. Revisión das condicións de uso

A Universidade da Coruña resérvase o dereito de revisar as presentes condicións de uso e a política de privacidade en calquera momento e por calquera razón. En dito caso, as persoas usuarias rexistradas serán avisadas a través deste espazo en liña e, se continúan utilizando o portal UDC Participa, entenderanse aceptadas as modificacións introducidas.