Ir ao contido principal

Portal de participación

Volver

Sobre o cambio de normativa de recoñecemento de créditos.

D Daniel Feito Pin  •  22/05/2026  •  1 comentario  • 

A comezo de curso realizáronse cambios na normativa de recoñecemento de créditos. Entre eles produciuse unha redución dos créditos recoñecibles por actividades universitarias. Aínda que isto pode xerar opinións a favor ou en contra, este non é o obxecto do debate.

O que si o é, é que non se está a permitir recoñecer os créditos de actividades realizadas antes do cambio de normativa, aínda que as propias certificacións indican o número concreto de ECTS recoñecibles no momento da súa emisión.

Isto está a xerar queixas e descontento cada vez máis frecuentes entre o estudantado debido ás consecuencias organizativas que implica. Estas son especialmente críticas nos casos en que os estudantes non poidan ser capaces de convalidar materias optativas ou mesmo depositar o traballo final por falta de créditos cos que inicialmente contaban.

As respostas que se están a dar a este problema xiran arredor de que a normativa debe respectarse, polo que non poden recoñecerse máis créditos dos que permite o número de horas da actividade, e propóñense alternativas para que o estudantado consiga os créditos restantes realizando cursos e actividades gratuítas adicionais. Tamén estase a contemplar o recoñecemento excepcional nas circunstancias críticas nas que os estudantes non podan finalizar os estudos este ano debido á falta de créditos.

A miña postura ao abrir este debate é a seguinte: unha actividade recorrente debe axustarse ao número de créditos segundo a normativa vixente e, polo tanto, é aceptable que se reduza a cantidade de créditos recoñecibles DESDE a entrada en vigor da nova normativa. PORÉN, os créditos emitidos por actividades realizadas antes do cambio de normativa deberían ser recoñecidos integramente, sen prexuízo do momento no que sexan recoñecidos, polo total de ECTS que estipulan os certificados da actividade emitidos.

REFERENCIA:

Normativa adaptación, recoñecemento e transferencia de créditos grao e mestrado (Data de publicación: 02/10/2025).  Texto consolidado do Acordo do Consello de Goberno, do 22 de xullo de 2025, polo que se aproba a normativa que regula a adaptación, o recoñecemento e a transferencia de créditos nas titulacións oficias de grao e mestrado universitario na Universidade da Coruña. Esta normativa foi modificada por Acordo do Consello de Goberno, do 30 de setembro de 2025, polo que se aprobou a modificación dos artigos 14.1, 15.1, 18.3, 18.5, 29, 31.2 e o punto R.3 do Anexo I.

https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2025/010013

TÍTULO III. Recoñecemento de créditos

CAPÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 11. Tipos de recoñecementos de créditos

1. O estudantado matriculado na UDC poderá solicitar o recoñecemento de créditos, para obter o correspondente título, a partir de:

[...]

e) Actividades de carácter académico, de mentoría, aprendizaxe-servizo, ciencia cidadá, culturais, deportivas, de representación estudantil e participación nas políticas e actividades de xestión universitarias, no asociacionismo universitario, solidarias, de cooperación e colaboración co contorno e de creación de novas iniciativas sociais e empresariais no ámbito da UDC (a partir de agora, actividades universitarias)

[...]

CAPÍTULO VI. Recoñecemento académico de créditos por participar en actividades universitarias

Artigo 36. Disposicións xerais

1. Nas titulacións de grao poderase recoñecer a participación do estudantado nas actividades universitarias indicadas no artigo 11.1 e)

[...]

ANEXO I. Recoñecemento académico de créditos polo aproveitamento da participación en actividades universitarias [...]

E) Actividades organizadas ao abeiro de convocatorias de axudas e de representación do estudantado nos órganos que dependan da vicerreitoría con competencias en materia de estudantado

1. O estudantado poderá obter recoñecemento académico de créditos pola súa participación nas seguintes actividades:

a) Actividades promovidas polas asociacións de estudantes inscritas no Rexistro de Asociacións de Estudantes da UDC: 1,5 créditos ECTS por cada 30 horas de actividade, ata un máximo de 3 créditos ECTS por actividade.

Comentarios (1)

Precisas iniciar sesión ou rexistrarte para comentares.
  • A

    Gustaríame preguntar que vai pasar coas persoas que accedemos desde un ciclo superior en cursos anteriores, por exemplo no 2023/2024, e que aínda non puidemos facer o recoñecemento dos 12 créditos de optativas.
    No meu caso, desde a administración da FIC indicáronme que non se podía solicitar ata comezar a cursar cuarto. Ademais, este curso intentei pedilo e dixéronme que non podía porque xa tiña 12 materias matriculadas e superaría o límite de 78 créditos.
    Por tanto, quería saber se se vai contemplar algunha solución para quen aínda non o solicitamos porque non se nos permitiu antes ou por limitacións administrativas, e se se vai respectar ese recoñecemento para o alumnado que accedeu desde un ciclo superior en cursos anteriores.

    4 votos  | 
    4
    0
    Sen respostas